sábado, 26 de junio de 2010

ENTRE DÚAS TERRAS

Leo a Pessoa no meu apartamento de Vilanova de Gaia. Estou cansa, esgotada, porque onte, en Porto, deixei todas as minhas forzas na Livraria Lello, tempro dos libros e igrexa das letras.
Cando puxen o meu pé no primeiro chanzo, escorregoume polo lombo unha sensación de serpe e purísimo espírito. Mais, non me quero deter nisto, porque coido que é próprio dun artigo único, coma fixo Vila-Matas.
En Portugal non me sinto estranxeira; é unha prolongación do meu fogar cara beira do río de ouro. Xa non hai alfándega quen de dividir territorios nin corazóns, porque a esencia do noso perdura en ambas terrinhas, aínda que eu sinta máis morrinha ca saudade.
A cada pegada fico vencellada ó meu lisboeta, amante e amigo, de tantos heterónimos e versos nos beizos. Vexo a súa faciana por todas partes, e seica me chega un certo cheiro a absenta. Estou tola por ver Lisboa, a súa terra, e bicar a estatua de ferro fondo do meu namorado.
As casas de Porto son unha beleza arquitectónica esnaquizada pola tristura do tempo e dos fondos públicos mal empregados. Os dous somos "seres tristes", caminhando polas calellas, bébedos de vinho e letras.
O mencer comeza cedo nesta outra banda do Minho. A claridade entra de vagar polas fiestras, coma unha fera que agarda a súa presa. Eu quedo, esperta, un anaco máis pensando na cama, mentres apalpo os lentes que, finalmente, caen o chan. Aínda resoa na minha testa:"Uns, pois, crean cousas para que os outros, trasmundádoas en significados, as tornen vidas. Narrar é crear, pois vivir é apenas ser vivido..." (F. Pessoa). Somos seres tristes, porque eu sei que el ten razón.

1 comentario:

  1. Hola cielo, te doy toda la razon sobre lo hermoso de galicia, donde me encuentro en estos momentos dusfrutando de todo y llenandome de toda esa mistica esencia que tiene.

    ResponderEliminar