jueves, 27 de mayo de 2010

GAVEAU

GAVEAU (Paris)

Nunca gostei dos raquíticos pianos ingleses de parede,
porque eu tiña o meu lugar a carón das pernas do meu pai
trala caixa máxica do Gaveau, no París de Nunca Xamáis.

Souben da lingua dos homes nun mencer demasiado cedo,
mais a miña boca precisaba das sonorosas cordas daquel piano
que noutros séculos tivera dous candeeiros
e non dous buratos tupidos con anacos de madeira
por onde os meus dedos pequenos comezaban a soñar
con Tristesse, Romanza sen Palabras e Soño de Amor.

Quixéronnos estragar:
mancáronnos andazos de caruncho,
mestres de Conservas Oficiais.
Non eramos bonitas.
Pero tiñamos ímpetu.
Non estudabamos ó xeito que compría.
Porque tiñamos espírito.

O Gaveau perdeu unha octava en afinación.
Eu rematara con obras superiores ó meu grao.

Pero as doutoras Guillotin non perdoan:
cortáronme as mans,
por non ser princesa de Sangue Mistol.

Esa noite tinxíronse de azul todas as “Pezas Fáciles Para Piano”
E puiden ver en vellos daguerrotipos a voar como cirros
sobre o sangue dunha Conklin Cushom esfolada no corenta
todas as mans que pasaran polo marfil e o negro castrado.

Vin o mestre Lago a carón do seu amigo Gayarre no Covent Garden.
A súa barba e o reloxio a marcar de seguido as posicións da lúa.
A tía Amparo ría e cantaba un Nadal a súa panxoliña.
O avó acompañaba ó meu pai –un cativo de pernas longas- ó violín.
E papá: “Levanta unha perna pichuleta, levanta unha perna pichulá”,
Pichuleta apoiada á pata do Gaveau, erguía a perna co Eterno Chupete na boca .

Achegueime as escuras, toca e cega, ó ventre do gran París a durmir:

“Busco as miñas mans perdidas na cidade. As mans que me arrincaron o día que decidín que máis nunca as precisaría nun mundo de mutilados. Fervéronme os ollos de tanto fender o sol. Fixen dos meus ouvidos insignia da xordeira, diante dos imbéciles do mundo que latricaban coma profetas farisaicos do mañá, do futuro, da “LIBERDADE”. Deixei que a xenreira de multitudes apodrecidas esnaquizaran os meus ósos e negueime a falar como protesta. Agora sigo na procura do que é meu; busco as miñas mans onde as deixáchedes: nos baldes do lixo. Eu -Raíña das samesugas e Virxe das mazás podres, que xorden dun edén, leprosería cheirenta,- pelexo coas ratas famentas, remexo nos urinarios públicos, nalgún que outro bolso de vella tola taxidermista e, sobre todo, procúraos debaixo das pedras, das que nacen arrepiadas cascudas, formigas e vermes. Eles saben amar a miña carne de mans cortadas, beben das miñas veas coma da auga fresca dun río e, aínda que me esnaquizan por cada trabada, alo menos, dánlle alimento ós seus fillos, irmáns meus tamén na cegueira”

Teño o sangre vermello,
aínda que teño pais,
só Son Filla das Miñas Obras.
Almas –se as tedes-, feitas con anacos de “Galería”,
Renuncio a vosa “ALTA SUCIEDADE” devaluada.
Non serei digna de nada.

Mais devolvédeme o que é meu:

Coñecedes o meu enderezo,
Vivo dentro da caixa dun Gaveau.
Desculpade se non vos abro,

ARRINCÁRONME AS MANS,
Un bo día que hoxe coma sempre
non tiven pase na “Alta Suciedade”.

1 comentario:

  1. Aínda me gustan máis os teus poemas en galego que en castelán -que xa é dicir. Bicos, Xamlet

    ResponderEliminar